agosto 3, 2026

SEREAS: as xornadas que comezaron a recuperar e visibilizar a historia das mulleres do mar

As Xornadas divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro naceron en Vigo en 2008 co obxectivo de analizar e facer visible unha realidade fundamental para comprender o sector marítimo-pesqueiro galego: a contribución histórica, económica, laboral e social das mulleres.

A primeira edición, celebrada o 17 de outubro de 2008, abordou especialmente a realidade da industria conserveira. Os cinco relatorios permitiron analizar o peso do emprego feminino na cadea produtiva, a súa importancia para as economías das comunidades costeiras e as condicións sociolaborais das traballadoras ao longo do século XX.

A elevada presenza feminina contrastaba cun mercado de traballo marcado historicamente pola segregación laboral, as diferenzas salariais y as limitadas posibilidades de promoción. Ao mesmo tempo, as xornadas permitiron observar a evolución experimentada coa modernización da industria e identificar cuestións que seguían pendentes, como a eventualidade, os baixos salarios ou o recoñecemento profesional.

2009: unha mirada máis ampla ás mulleres do mar

A experiencia tivo continuidade coas II Xornadas, celebradas en Vigo o 4 de novembro de 2009. Nesta ocasión ampliouse o ámbito de análise para incorporar diferentes actividades e profesións vinculadas ao mar.

A situación laboral e formativa, o peso económico das mulleres na pesca, a conciliación, a súa presenza histórica e o acceso aos postos directivos formaron parte do programa. As perspectivas académica e profesional completáronse coas experiencias das propias traballadoras: conserveiras, mariscadoras, redeiras e percebeiras, xunto con mulleres que ocupaban postos de responsabilidade en empresas conserveiras.

As xornadas puxeron tamén o foco na dificultade para coñecer o verdadeiro alcance da participación feminina debido á súa insuficiente presenza nas estatísticas. Facer visible e contabilizar ese traballo convertíase así nunha cuestión necesaria para avanzar no seu recoñecemento económico, laboral e social.

Entre os asuntos tratados estivo tamén a conciliación, coa recuperación da experiencia histórica de Massó e das medidas sociais desenvolvidas pola empresa, como a gardería, as escolas, o servizo médico ou a asistencia social ás persoas traballadoras.

2017: SEREAS retoma as xornadas con novos retos

Tras aquelas primeiras edicións, a iniciativa foi retomada o 16 de novembro de 2017 coas III Xornadas divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro, baixo o lema Novos Retos.

O encontro recuperou o traballo iniciado en 2008 e 2009, pero incorporando unha visión actualizada da situación das mulleres na pesca extractiva, o marisqueo, o traballo das redeiras, a acuicultura, a industria e a comercialización.

A igualdade, a visibilidade e o recoñecemento profesional volveron ocupar un lugar central. Xunto á análise do presente, a perspectiva histórica permitiu estudar a actividade e os ingresos das mulleres nas industrias marítimas galegas durante o século XX, mentres que unha mesa redonda achegou as experiencias de profesionais da pesca, a conserva, a armadoría e o marisqueo.

Os contidos desta terceira edición quedaron recollidos no libro SEREAS “As mulleres do mar”, unha publicación que reúne datos, análise e testemuños e aborda cuestións como a formación, os riscos laborais, o relevo xeracional, a conciliación, a brecha salarial ou a presenza das mulleres nos órganos de decisión.

Deste xeito, as xornadas iniciadas en 2008 abriron un espazo para recuperar unha parte da historia do sector que durante décadas non recibira un recoñecemento acorde coa súa importancia. A súa recuperación en 2017 permitiu dar continuidade a ese traballo e avanzar na construción da memoria que hoxe reúne SEREAS: Memoria das Mulleres do Mar.

Pin It on Pinterest

Share This