Pegadas Esvaecidas

El documental de #Sereas

Pegadas Esvaecidas

As mulleres sempre formaron parte activa das comunidades marítimo-pesqueiras, intervindo na extracción, a transformación, a acuicultura, a venda, os traballos de dirección e xestión, inspección e control, operatividade e investigación, etc. É dicir, en toda a cadea de valor.

Aínda así, o lado feminino do mar non foi recoñecido ata datas moi recentes; reducíase a imaxe da muller a arquetipos que invisibilizaban a súa evidente participación na economía familiar e laboral.

Elas reclaman a súa presenza activa e reivindican o lugar que consideran lexítimo nas actividades do mar pero, coma noutros sectores ou disciplinas, cada vez que percorremos o pasado non atopamos referentes femininos, disípanse nas fontes de investigación e esvaécense nas fontes orais.

Ante este océano de historias ocultas e co aparello da sede de coñecemento, aviamos as redes para capturar eses relatos descoñecidos.

Pegadas Esvaecidas acode ás fontes orais e a imaxes de arquivo para construír o relato dunha parte da memoria do traballo do século XX, comezando a pé, percorrendo o pasado e presente das mariscadoras, as súas condicións vitais e laborais. Mulleres de outrora como Rita e Conchita Mouriño Quiñoy, que non cotizaban ou que, para facelo, facíanse pasar por redeiras. As mariscadoras percorreron un camiño moi longo para a profesionalización do seu oficio ata chegar onde están agora Guadalupe Jueguen Martínez ou Inmaculada Otero Mouriño.

Como era habitual, gran parte da extracción de marisco destinábase ás numerosas fabricas de conservas de peixe e marisco diseminadas polas praias das Rías Baixas, onde centos de mulleres esperaban para o seu empaquetado e conservación. A fábrica máis grande e con maior número de mulleres obreiras foi a de Hermanos Massó, en Cangas, que non só destaca pola súa monumentalidade, senón que asombra polos seus referentes femininos, como Josefa Bon.

Josefa Bon, operaria e sindicalista na época en que Comisións Obreiras (CCOO) aínda era ilegal; Ana María Soto Landeira, primeira asistente social de Galicia; ou as irmás Bolibar, mulleres dos empresarios Gaspar e José María Massó, figuras determinantes e influentes na dimensión social da empresa Massó.

Con todas elas procuramos achegarnos á memoria en clave de muller, dando pasos para profundar nas fontes escritas e continuar investigando en referentes femininos do pasado que axuden a construír a nosa identidade, como traballadoras, obreiras e emprendedoras.

Pin It on Pinterest

Ir al contenido